6 de marzo de 2022.-A Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Civil e a Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña estiveron a traballar nos últimos meses, coa colaboración da Asociación Memoria Histórica Democrática e a Asociación Cultural Fuco Buxán, para conmemorar o 50 aniversario das mobiliacións obreiras capitaneadas polos obreiros da Factoría Bazán no mes de marzo de 1972. Mobilizacións que serían reprimidas brutalmente pola ditadura franquista, dando lugar o 10 de marzo daquel ano ao asasinato dos operarios Amador Rey e Daniel Niebla, así como a centos de obreiros feridos graves (parte deles feridos de bala…).
No acto intervirán María Jesús Movilla Fernández, Vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Civil; Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, Director da Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña; xunto aos historiadores Eliseo Fernández; José Gómez Alén; e Bernardo Máiz; así como a Rafael Pillado Lista; Sari Alabau Albors e Alfonso Tellado Sande, que viviron de primeira man os devanditos sucesos a partir das súas responsabilidades sindicais en plena clandestinidade franquista.