7 de febreiro de 2025
O pasado sábado, 1 de febreiro, desenvolveuse desde a Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña o Coloquio Anual. A inauguración institucional correu a cargo de Ricardo Cao Abad, reitor da UDC, e de Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, director da Cátedra.
A seguir proxectouse o documentario “A Coruña Republicana”, producido desde a Cátedra de Memoria Histórica, co apoio do Concello da Coruña. O audiovisual presenta a evolución da Coruña entre a I República e a proclamación da II República, salientando figuras como o médico Ramón Pérez Costales, os alcaldes Federico Tapia e Luis Tettamancy ou o historiador Manuel M. Murguía.



Tras esta proxección, desenvolvéronse as conferencias programadas. En horario de mañá interviu, en primeiro lugar, Uxío-Breogán Diéguez, doutor en Historia e profesor da UDC, que desenvolveu a conferencia intitulada “O exilio galego alén mar a través de Daniel R. Castelao”, enmarcada dentro do Ano Castelao; Bernardo Máiz Vázquez, doutor en historia, catedrático xubilado e investigador da Cátedra de Memoria Histórica, pronunciou a conferencia “Arquivos e acceso ás fontes para o estudos dos consellos de guerra e a represión franquista”; Aurora Marco, doutora en Filoloxía, catedrática xubilada e investigadora da Cátedra de Memoria Histórica, centrou a atención na súa conferencia no “Resgate da memoria histórica das mulleres republicanas e da súa presenza na resistencia antifranquista. Experiencia e balance”.









En horario de tarde principiou as intervencións Manuel Monge, investigador, sociólogo e expresidente da CRMH’AC, quen puxo o foco na “Simboloxía franquista nas rúas e as distincións institucionais. Unha materia pendente”.


Após cada unha das conferencias houbo intervencións desde o auditorio, composto por perto de medio cento de persoas (boa parte deles representantes de diversas entidades memorialísticas galegas), establecéndose un diálogo moi produtivo sobre cada tema entre todas e todos os presentes.
Presentación libro-disco
O cantautor, xeógrafo e profesor universitario Xosé Constenla presentou o seu libro-disco “Para nunca esquecer”, interpretando dúas pezas do mesmo no marco do devandito encontro.


Mesa arredor da sociedade civil e a memoria histórica
Após a intervención musical abriuse o bloque “Asociacionismo e memoria histórica no último cuarto de século. Experiencias e balance”. No marco do cal Carlos Díaz, profesor de ensino secundario e investigador da Cátedra de Memoria Histórica, presentou o estudo de caso e as principais conclusións da súa tese de doutoramento sobre a devandita materia, e a seguir representantes de Asociacións, Comités, Comisións e Fundacións, centrais no traballo de recuperación de memoria histórica do país , presentaron a súa experiencia ao longo do último cuarto de século, dividíndose estas en tres mesas.
A primeira mesa estivo composta por Marisa Padrón, en representación da asociación Amigos da República de Ourense; Celia Inés Feijóo Soto, presidenta do Comité de Memoria Histórica de Celanova; e Carlos Morais, en representación do Comité de Memoria Histórica do Val do Limia.



A segunda mesa estivo composta por Guillerme Pérez, director da Fundación Luís Tilve; Suso Seixo, presidente da Fundación Moncho Reboiras; e Víctor Santidrián, director da Fundación 10 de Marzo.


A terceira mesa, coa que se pechou o encontro, estivo conformada por Xosé Álvarez, en representación de “Sempre con vós” de Pontevedra; Lois Anxo Ferreiro, en nome da Asociación Cultural Cultura Aberta de Carral; e Xoán Carlos Garrido, en nome da Asociación Cultural Vagalumes da Estrada.


Cada unha das mesas foron, así como o conxunto da xornada, moi produtivas. Tanto nas intervencións destas tres mesas, como nas conferencias previas, púxose en valor o magnífico traballo memorialístico realizado polas entidades presentes (e por outras que non puideron asistir ao encontro), debaténdose sobre o traballo que resta por realizar desde a sociedade civil, acompañada polo ámbito institucional e académico, para visibilizar o significado do tempo republicano e a dimensión da represión e a ditadura franquista (coas súas continuidades…). Destacándose, neste sentido, que é central a realización de actividades novidosas para atraer ao público máis novo, propóndose desde o Comité de Memoria Histórica do Val do Limia a constitución dunha Comisión, arredor da Cátedra de Memoria Histórica da UDC, que vaia traballando no horizonte do 2036 e o centenario que se cumprirá ese ano do inicio da represión franquista. Desde a Cátedra de Memoria Histórica amosouse a vontade de traballar nesa liña, lembrando outras datas asociadas a 1936, como o plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galiza, por volta do 28 de xuño.