20 de xaneiro, 2025

A Cátedra de Memoria Histórica celebrará o vindeiro 1 de febreiro o seu Coloquio Anual, que será inaugurado por Ricardo Cao Abad, reitor da Universidade da Coruña, e Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, director da Cátedra. No encontro proxectarase o documentario “A Coruña Republicana”, producido pola Cátedra de Memoria Histórica, co apoio do Concello da Coruña; desenvolvéndose a seguir, en horario de mañá e de tarde, cinco conferencias e unha posta en común monográfica, coa presenza de representantes de diversas entidades (Asociacións, Comités, Comisións e Fundacións que traballan a memoria histórica).

Neste encontro lembrarase a figura do deputado nacionalista galego Daniel R. Castelao, e do seu exilio alén mar, diante do Ano Castelao; centrando a atención os relatorios, a continuación, no acceso ás fontes documentais, á recuperación da memoria das mulleres republicanas e as pervivencias da ditadura, a través do rueiro e das distincións institucionais. Igualmente, farase unha presentación das liñas de actuación de entidades galegas centrais no labor de recuperación de memoria histórica democrática, e da súa dinámica de traballo exemplar ao longo do último cuarto de século.

Conferencias

En horario de mañá Uxío-Breogán Diéguez, doutor en Historia e profesor da UDC, desenvolverá a conferencia intitulada “O exilio galego alén mar a través de Daniel R. Castelao”; Bernardo Máiz Vázquez, doutor en historia, catedrático xubilado e investigador da Cátedra de Memoria Histórica, pronunciará a conferencia “Arquivos e acceso ás fontes para o estudos dos consellos de guerra e a represión franquista”; Aurora Marco, doutora en Filoloxía, catedrática xubilada e investigadora da Cátedra de Memoria Histórica, centrará a atención na súa conferencia no “Resgate da memoria histórica das mulleres republicanas e da súa presenza na resistencia antifranquista. Experiencia e balance”.

En horario de tarde Manuel Monge, investigador, sociólogo e expresidente da CRMH’AC, porá o foco na “Simboloxía franquista nas rúas e as distincións institucionais. Unha materia pendente”.

Após cada unha das conferencias haberá unha posta en común, para establecer un diálogo sobre cada tema entre todas e todos os presentes.

Presentación libro-disco

O cantautor e profesor universitario Xosé Constenla presentará o seu libro-disco “Para nunca esquecer”, interpretando dúas pezas do mesmo no marco do devandito encontro.

Mesa arredor da sociedade civil e a memoria histórica

Após a intervención musical abrirase o bloque “Asociacionismo e memoria histórica no último cuarto de século. Experiencias e balance”. No marco do cal Carlos Díaz, profesor de ensino secundario e investigador da Cátedra de Memoria Histórica, presentará o estudo de caso e as principais conclusións da súa tese de doutoramento sobre a devandita materia, e a seguir representantes de Asociacións, Comités, Comisións e Fundacións, centrais no traballo de recuperación de memoria histórica do país , presentarán a súa experiencia ao longo do último cuarto de século, dividíndose estas en tres mesas.

Programa completo do Coloquio Anual » 2025