16 de decembro de 2024

Desde a Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña finalizouse o traballo de produción do documentario “A Coruña Republicana”. Un audiovisual que arranca no limiar da proclamación da II República o 14 de abril de 1931 e que realiza, a modo de retrospectiva, unha viaxe desde o último terzo do s. XIX, e o xermolar da I República por volta de febreiro de 1873, até a primavera de 1931, pasando pola ditadura de Miguel Primo de Rivera e a “Dictablanda” de Dámaso Berenguer.

O documentario pon en valor a tradición liberal progresista e republicana federal da Coruña; presentando a figuras de referencia do republicanismo coruñés e galego, desde Ramón Pérez Costales e Segundo Moreno Barcia, do Partido Republicano Democrático Federal, a Santiago Casares Quiroga e Antón Vilar Ponte, líderes da Organización Republicana Galega Autónoma (ORGA), pasando por Federico Tapia Segade, alcalde da Coruña diante da proclamación da I República, e Antonio Lens Viera, alcalde da Coruña diante da proclamación da II República.

O documentario, que contou co apoio do Concello da Coruña, será seguido doutro, a producir ao longo de 2025, que porá o foco monograficamente na evolución da II República na cidade da Coruña (a nivel político, social, económico e cultural).

Este traballo súmase á edición do libro “Transición”, que recolle as comunicacións que se presentaron ao Congreso sobre a Transición en Galiza, organizado pola Cátedra de Memoria Histórica con anterioridade, e á publicación do catálogo que recolle as actividades realizadas pola Cátedra entre o 2018 e o 2023.

A seguir pódese visualizar o tráiler do documentario “A Coruña Republicana”, que será presentado en breve na sede da Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña: