16 de decembro de 2020.- O pasado 14 de decembro vén de facerse entrega do “Informe xurídico sobre as vías de recuperación da Casa Cornide para o patrimonio público”, que o Concello da Coruña lle encargou á Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña.
O informe está redactado polos doutores e profesores da Universidade da Coruña Carlos Aymerich Cano, José Manuel Busto Lago e Carlos Amoedo Souto, que conclúen o seguinte, no seu informe de 52 páxinas:
Unha vez estudados os antecedentes da natureza xurídico-patrimonial pública da Casa Cornide, e tras contrastar a legalidade dos sucesivos procedementos de permuta (1958-1962), alleamento en poxa pública a Pedro Barrié de la Maza (2 de agosto de 1962) e posterior venda por parte deste a Carmen Polo (6 de agosto de 1962), cabe concluír que:
PRIMEIRO.- A Casa Cornide adquiriu condición de ben demanial do Estado en 1949, tras a súa compra e afectación ao servizo público estatal de Conservatorio de Música e Declamación.
SEGUNDO.- Na altura en que se tramitou o expediente de permuta non era legalmente posible unha desafectación tácita da Casa Cornide. Era necesaria a declaración de vontade expresa do Ministerio de Educación Nacional de que o ben xa non estaba adscrito á prestación do servizo público de educación musical. Sen a tramitación dese expediente de desafectación polo Ministerio (co informe preceptivo da Junta de Edificios Públicos), non era xuridicamente posible a adquisición de natureza patrimonial e, en consecuencia, a permuta por un ben de propios do Concello da Coruña. A existencia dun acto administrativo expreso de desafectación polo organismo competente naquela altura é requisito de validez da permuta realizada sobre a Casa Cornide.
De non obrar ese acto no expediente, a permuta está ao noso xuízo viciada dunha causa de nulidade administrativa de pleno dereito, por constituír un trámite esencial do procedemento administrativo de permuta, no sentido previsto polo artigo 47.1.c) da Lei de 17 de xullo de 1958, de procedemento administrativo.
TERCEIRO.- Non consta que nos expedientes de permuta e posterior alleamento se observasen as cautelas previstas na Lei de 10 de decembro de 1931, sobre alienación dos bens inmóbeis, artísticos ou arqueolóxicos de máis de cen anos de antigüidade:
- Autorización do Ministerio de Educación Nacional, a través da Dirección General de Bellas Artes.
- Constancia desta autorización no protocolo notarial de calquera alleamento dun ben estas características.
Estamos perante a omisión de dous trámites esenciais, cuxa ausencia vicia de nulidade o procedemento de venda en poxa pública, por incumprir un requisito (a autorización previa para o alleamento) previsto nunha norma de rango legal de indubidable carácter imperativo.
Do punto de vista do dereito civil, cabe falar dunha nulidade absoluta por virtude da aplicación da sanción prevista, con carácter xeral, no art. 6.3 do Código Civil.
Do punto de vista do dereito administrativo, estamos perante unha causa de nulidade de pleno dereito das previstas por omisión de procedemento (art. 47.1.c) da Lei de 17 de xuño de 1958, de procedemento administrativo común).
CUARTO.- A modificación sobrevida dos pregos que rexen a contratación realizada polo Pleno do Concello da Coruña do 2 de agosto de 1962, unha vez adxudicada a poxa da Casa Cornide a Pedro Barrié de la Maza, coa finalidade de liberar ao adxudicatario definitivo de certas obrigas substantivas contidas nos pregos, supón unha modificación substancial dos mesmos.
Esta modificación foi feita sen atender ás prohibicións establecidas na lexislación de contratación das entidades locais, sen seguir o preceptivo un procedemento de revisión de oficio dos pregos, e sen convocar unha nova licitación.
Por esta razón, consideramos que tal modificación sobrevida dos pregos é unha causa de nulidade da adxudicación definitiva da Casa Cornide a Pedro Barrié de la Maza nas condicións aprobadas polo Pleno de 2 agosto de 1962.
QUINTO.- A autorización polo Pleno municipal da venda inmediata da Casa Cornide á esposa do entón xefe do Estado (aínda que fose na condición de ben parafernal, e con mais razón no caso de suxeitarse a previsión do entón vixente art. 1.416 do CC), por parte do adxudicatario da poxa supón unha vulneración da incompatibilidade para contratar disposta no artigo 5.1 RCCL que o artigo 6 dese mesmo regulamento sanciona coa nulidade de pleno dereito.
SEXTO.- Sobre a validez das compravendas celebradas os días 3 e 6 de agosto de 1962 entre o Concello da Coruña a Pedro Barrié de la Maza, no caso da primeira; e entre este e Carmen Polo y Martínez Valdés no caso da segunda, concluímos que a inexistencia da preceptiva autorización que para os actos de alleamento de bens inmobles de mais de cen anos, sen concorrer a previa autorización do Ministerio competente, establecía o art. 9 da Lei de 1931, así coma o informe do Ministerio de Educación Nacional que contemplaba o artigo 191 do Decreto do 16 de decembro de 1950 (LRL) e a infracción do art. 5.1 do RCCL, poden invocarse, eficzamente, coma causa constitutivas da nulidade dos actos de disposición da Casa Cornide levados a cabo no ano 1962. Civilmente a esixencia preceptiva destas autorizacións e informes poden considerarse como limitacións legais de dispor, sometidas o réxime que resulta do art. 26.1 da LH e que, en consecuencia, afectan os sucesivos subadquirentes do ben afectado por tales limitacións. O mesmo tempo, a infracción do art. 5.1 do RCCL, interpretado xuntamente co art. 6 desta mesma norma, determina a nulidade da compravenda por parte da cónxuxe do xefe do Estado (ex art. 4 do CC vixente naquel intre, actual art. 6.3 CC).
Os elementos obxectivos que concorren nas compravendas realizadas os días 3 e 6 de agosto de 1962 e as propias manifestacións que constan nas Actas da Sesións da Corporación do Concello de A Coruña, permiten fundar unha acción de nulidade por simulación absoluta, sendo esta acción imprescritible.
A lexitimación activa para o exercicio da acción de nulidade contractual fundada na concorrencia de simulación absoluta na compravenda realizada polo propio Concello a P. Barrié de la Maza, formalizada na escritura pública autorizada o día 3 de agosto de 1962 corresponde o propio Concello coma parte no devandito negocio xurídico simulado; o tempo que a lexitimación activa deste para impugnar a compravenda feita por D. Pedro Barrié a Dnª Carmen Polo y Martínez Valdés provén da súa condición de terceiro prexudicado, consonte o declarado pola doutrina xurisprudencial exposta.
SÉTIMO.- Unha vez expostos os elementos xurídicos substantivos do presente Informe, é preciso engadir que, do punto de vista procedimental e procesual, as vías de reacción para a defensa dos intereses públicos subxacentes no presente caso son as seguintes:
a) Iniciación pola Administración Xeral do Estado dunha acción de revisión de oficio do expediente de permuta da Casa Cornide por omisión dun requisito procedimental de carácter esencial cal é a desafectación expresa do inmóbel do servizo público de educación musical, ao abrigo do disposto no artigo 109 da Lei 39/2015, de 30 de outubro, por concorrer causa de nulidade de pleno dereito.
b) Iniciación polo Concello da Coruña dunha acción de revisión de oficio dos expedientes de permuta e alleamento da Casa Cornide, ao abeiro do artigo 109 da Lei 39/2015, do 30 de outubro, por concorrer causas de nulidade de pleno dereito.
Nestes dous supostos, o carácter imprescritíbel da acción de revisión de oficio por concorrencia de causa de nulidade de pleno dereito non se ve en absoluto embazado polo disposto no artigo 110 da referida Lei 39/2015 pois, por focar a nosa atención no tempo decorrido, resulta de plena aplicación o razoamento empregado na Sentenza de 2 de setembro de 2020 do Xulgado de Primeira Instancia nº 1 da Coruña, relativa á devolución ao patrimonio público do Pazo de Meirás: «[….] no puede hablarse de un retraso desleal [no exercicio da acción] sino de la obtención de documentación que posibilitase el ejercicio de una acción y de la existencia de un consenso social que tenía que generarse», xa que, en definitiva, «la posibilidad de articular esta demanda nace de un importante estudio histórico y de un consenso social, logrado tras muchos años, que responde a una madurez de nuestro sistema democrático».
c) Presentación na xurisdición ordinaria dunha acción de nulidade por simulación absoluta da compravenda da Casa Cornide contra os causahabentes de Carmen Polo y Martínez Valdés.
De xeito acumulado a devandita acción de simulación debe interporse una acción reivindicatoria en tanto que o inmoble obxecto do contrato que se transmitiu en virtude
do mesmo, no momento presente está sendo posuído por particulares causahabentes a título gratuíto de que foi parte naquel negocio simulado e nos que, ademais, concorre a condición de titulares rexistrais, aínda que non protexidos polo principio de fe pública rexistral o que permitirá a reintegración do inmoble o patrimonio municipal. Asemade resulta adecuado instar a nulidade das inscripcións rexistrais de dominio contradictorias (ex art. 38.II da LH). Coa finalidade de evitar posibles adquirentes de boa fe a título oneroso que puidesen estar protexidos polo disposto no art. 34 da LH, debe instarse, de xeito anticipado ou coetáneo a interposición da demanda, a anotación preventiva da mesma no Rexistro da Propiedade núm. 1 de A Coruña (arts. 730 e ss. da LAC e 42 da LH).
A competencia obxectiva, territorial e funcional corresponde os xulgados de primeira instancia da cidade da Coruña, por tratarse dunha cuestión que afecta a titularidade dominical dun ben patrimonial da Administracion Local, tratándose dun ben inmoble radicado no concello de A Coruña (ex art. 52.1.1º da LAC)”.