Proxección do filme “Sempre en Galicia”

Desde a Cátedra de Memoria Histórica da UDC, organizamos a presentación e proxección na Coruña do documentario “Sempre en Galicia. Voz e pensamento galeguista na emigración”.

Un filme de Xan Leira, director do proxecto Memoria Documental de Galicia, que aborda o histórico programa radiofónico emitido desde Montevideo (Uruguai), da man do Padroado da Cultura Galega daquela cidade, desde o ano 1950. Ano aquel no que viña de falecer Afonso Daniel Rodríguez Castelao, do que, na súa homenaxe, se tomou o nome do programa, a partir do libro Sempre en Galiza (1944).

O acto celebrarase o luns 23 de marzo, ás 20h, en colaboración coa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, na sede desta entidade, na rúa San Andrés nº36 1º (Edf. do Circo de Artesáns).

Ao final da proxección realizarase unha posta en común sobre o devandito programa radiofónico e o activismo do Padroado da Cultura Galega de Montevideo (Uruguai).

Defensa da Tese de Doutoramento “A Memoria Histórica en Galiza (1976-2011)”.

O investigador da Cátedra de Memoria Histórica Carlos Díaz Diéguez, e profesor de ensino secundario, vén de defender na Facultade de Xeografía e Historia da UNED en Madrid a súa Tese de Doutoramento, intitulada “A Memoria Histórica en Galiza (1976-2011). Historia, asociacionismo e políticas públicas de memoria democrática”.

A Tese estivo dirixida por Ángeles Egido León (UNED) e Uxío-Breogán Diéguez profesor da UDC e director da Cátedra de Memoria Histórica, obtendo a investigación a máxima cualificación, un Sobresaínte Cum Laude.

Parabéns ao profesor Carlos Díaz Diéguez polo traballo realizado entre 2021 e 2025, para dar lugar a esta Tese, ao abeiro das súas pesquisas desde a Cátedra de Memoria Histórica.

Documentario “Castelao en Lugo”

NÓS TV vén de estrear a serie “Castelao en Lugo”, producida por esta canle televisiva coa colaboración da vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Para esta serie, NÓS TV entrevistou, entre outros investigadores e investigadoras especialistas na historia do nacionalismo galego, e particularmente sobre Daniel Rodríguez Castelao e o seu tempo, ao director da Cátedra de Memoria Histórica da UDC.

A serie está dispoñíbel nas plataformas nas que está presente NÓS TV e na canle de Youtube desta canle televisiva.

Máis info en: https://nostelevision.gal/programas/castelao-en-lugo/

O libro “A Transición en Galiza”, da Cátedra de Memoria Histórica, presente nas Xornadas de Memoria Histórica de Celanova

O Comité de Memoria Histórica da comarca de Celanova desenvolve unhas xornadas, entre o 15 e o 29 de novembro, centradas no proceso de transición da ditadura franquista á democracia parlamentar. No marco destas xornadas os investigadores Adela Figueroa Panisse e Francisco X. Redondo Abal presentarán o libro colectivo “A Transición en Galiza” (Laiovento, 2023), no que son autores de senllos capítulos.

O volume foi impulsado desde a Cátedra de Memoria Histórica da UDC, baixo a coordinación e coautoría do director da mesma, Uxío-Breogán Diéguez, participando da obra tamén Justo Beramendi; Carlos Velasco; Bernardo Máiz; Daniel Lanero; Carlos Callón; Roberto Samartim; Montse Pena; Xan Fraga; Ricardo Gurriarán; Mariám Mariño e Marcos S. Pena, e contou coa axuda do Concello da Coruña.

Presentación do novo libro de Aurora Marco, investigadora da Cátedra de Memoria Histórica.

Aurora Marco é unha das autoras máis prolíficas do ámbito historiográfico galego. Investigadora permanente da Cátedra de Memoria Histórica da UDC, vén de publicar o seu novo libro, “María Vázquez. A mestra socialista que eliminou o franquismo”, na editorial Alvarellos.

Comeza Marco unha ampla axenda de presentacións do libro por todo o país. A primeira cita será na Coruña, na Fundación Luís Seoane, o xoves 6 de novembro ás 19:30h, e contará co acompañamento do editor Henrique Alvarellos, o concelleiro de Economía e Planificación Económica, José M. Lage, e o director da Cátedra de Memoria Histórica, Uxío-Breogán Diéguez.

Exposición e mesa redonda sobre X.R. Reboiras Noia (1950-1975)

O xoves 2 de outubro inaugurarase na Casa-Museo Casares Quiroga a exposición “Semente de Vencer”, dedicada a Xosé Ramón Reboiras Noia (19501-975), a cargo da comisaria da mostra, Vanesa Iglesias. A continuación Xesús Seixo Fernández, presentará os actos que promoven as Fundacións Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Galiza Sempre, para lembrar a Reboiras Noia no 50 aniversario do seu asasinato.

Nese marco, o director da Cátedra de Memoria Histórica, o profesor doutor Uxío-Breogán Diéguez, desenvolverá unha conferencia sobre Xosé Ramón Reboiras Noia, asasinado en Ferrol con apenas 25 anos polo seu activismo contra a ditadura franquista e o seu compromiso cos dereitos nacionais de Galiza. E a seguir Lois Diéguez, exdeputado fo Bloque Nacional-Popular Galego (BN-PG) e portavoz durante a Transición da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG), lembrará o perfil de Xosé Ramón Reboiras Noia e o seu activismo político, cultural e sindical.

Esta actividade conta coa colaboración da concellería de Cultura e Turismo, estando prevista a presenza do titular da mesma, Gonzalo Castro, no devandito acto.

Celebración do Coloquio Anual » 2025

7 de febreiro de 2025

O pasado sábado, 1 de febreiro, desenvolveuse desde a Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña o Coloquio Anual. A inauguración institucional correu a cargo de Ricardo Cao Abad, reitor da UDC, e de Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, director da Cátedra.

A seguir proxectouse o documentario “A Coruña Republicana”, producido desde a Cátedra de Memoria Histórica, co apoio do Concello da Coruña. O audiovisual presenta a evolución da Coruña entre a I República e a proclamación da II República, salientando figuras como o médico Ramón Pérez Costales, os alcaldes Federico Tapia e Luis Tettamancy ou o historiador Manuel M. Murguía.

Tras esta proxección, desenvolvéronse as conferencias programadas. En horario de mañá interviu, en primeiro lugar, Uxío-Breogán Diéguez, doutor en Historia e profesor da UDC, que desenvolveu a conferencia intitulada “O exilio galego alén mar a través de Daniel R. Castelao”, enmarcada dentro do Ano Castelao; Bernardo Máiz Vázquez, doutor en historia, catedrático xubilado e investigador da Cátedra de Memoria Histórica, pronunciou a conferencia “Arquivos e acceso ás fontes para o estudos dos consellos de guerra e a represión franquista”; Aurora Marco, doutora en Filoloxía, catedrática xubilada e investigadora da Cátedra de Memoria Histórica, centrou a atención na súa conferencia no “Resgate da memoria histórica das mulleres republicanas e da súa presenza na resistencia antifranquista. Experiencia e balance”.

En horario de tarde principiou as intervencións Manuel Monge, investigador, sociólogo e expresidente da CRMH’AC, quen puxo o foco na “Simboloxía franquista nas rúas e as distincións institucionais. Unha materia pendente”.

Após cada unha das conferencias houbo intervencións desde o auditorio, composto por perto de medio cento de persoas (boa parte deles representantes de diversas entidades memorialísticas galegas), establecéndose un diálogo moi produtivo sobre cada tema entre todas e todos os presentes.

Presentación libro-disco

O cantautor, xeógrafo e profesor universitario Xosé Constenla presentou o seu libro-disco “Para nunca esquecer”, interpretando dúas pezas do mesmo no marco do devandito encontro.

Mesa arredor da sociedade civil e a memoria histórica

Após a intervención musical abriuse o bloque “Asociacionismo e memoria histórica no último cuarto de século. Experiencias e balance”. No marco do cal Carlos Díaz, profesor de ensino secundario e investigador da Cátedra de Memoria Histórica, presentou o estudo de caso e as principais conclusións da súa tese de doutoramento sobre a devandita materia, e a seguir representantes de Asociacións, Comités, Comisións e Fundacións, centrais no traballo de recuperación de memoria histórica do país , presentaron a súa experiencia ao longo do último cuarto de século, dividíndose estas en tres mesas.

A primeira mesa estivo composta por Marisa Padrón, en representación da asociación Amigos da República de Ourense; Celia Inés Feijóo Soto, presidenta do Comité de Memoria Histórica de Celanova; e Carlos Morais, en representación do Comité de Memoria Histórica do Val do Limia.

A segunda mesa estivo composta por Guillerme Pérez, director da Fundación Luís Tilve; Suso Seixo, presidente da Fundación Moncho Reboiras; e Víctor Santidrián, director da Fundación 10 de Marzo.

A terceira mesa, coa que se pechou o encontro, estivo conformada por Xosé Álvarez, en representación de “Sempre con vós” de Pontevedra; Lois Anxo Ferreiro, en nome da Asociación Cultural Cultura Aberta de Carral; e Xoán Carlos Garrido, en nome da Asociación Cultural Vagalumes da Estrada.

Cada unha das mesas foron, así como o conxunto da xornada, moi produtivas. Tanto nas intervencións destas tres mesas, como nas conferencias previas, púxose en valor o magnífico traballo memorialístico realizado polas entidades presentes (e por outras que non puideron asistir ao encontro), debaténdose sobre o traballo que resta por realizar desde a sociedade civil, acompañada polo ámbito institucional e académico, para visibilizar o significado do tempo republicano e a dimensión da represión e a ditadura franquista (coas súas continuidades…). Destacándose, neste sentido, que é central a realización de actividades novidosas para atraer ao público máis novo, propóndose desde o Comité de Memoria Histórica do Val do Limia a constitución dunha Comisión, arredor da Cátedra de Memoria Histórica da UDC, que vaia traballando no horizonte do 2036 e o centenario que se cumprirá ese ano do inicio da represión franquista. Desde a Cátedra de Memoria Histórica amosouse a vontade de traballar nesa liña, lembrando outras datas asociadas a 1936, como o plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galiza, por volta do 28 de xuño.

Coloquio Anual »2025

20 de xaneiro, 2025

A Cátedra de Memoria Histórica celebrará o vindeiro 1 de febreiro o seu Coloquio Anual, que será inaugurado por Ricardo Cao Abad, reitor da Universidade da Coruña, e Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, director da Cátedra. No encontro proxectarase o documentario “A Coruña Republicana”, producido pola Cátedra de Memoria Histórica, co apoio do Concello da Coruña; desenvolvéndose a seguir, en horario de mañá e de tarde, cinco conferencias e unha posta en común monográfica, coa presenza de representantes de diversas entidades (Asociacións, Comités, Comisións e Fundacións que traballan a memoria histórica).

Neste encontro lembrarase a figura do deputado nacionalista galego Daniel R. Castelao, e do seu exilio alén mar, diante do Ano Castelao; centrando a atención os relatorios, a continuación, no acceso ás fontes documentais, á recuperación da memoria das mulleres republicanas e as pervivencias da ditadura, a través do rueiro e das distincións institucionais. Igualmente, farase unha presentación das liñas de actuación de entidades galegas centrais no labor de recuperación de memoria histórica democrática, e da súa dinámica de traballo exemplar ao longo do último cuarto de século.

Conferencias

En horario de mañá Uxío-Breogán Diéguez, doutor en Historia e profesor da UDC, desenvolverá a conferencia intitulada “O exilio galego alén mar a través de Daniel R. Castelao”; Bernardo Máiz Vázquez, doutor en historia, catedrático xubilado e investigador da Cátedra de Memoria Histórica, pronunciará a conferencia “Arquivos e acceso ás fontes para o estudos dos consellos de guerra e a represión franquista”; Aurora Marco, doutora en Filoloxía, catedrática xubilada e investigadora da Cátedra de Memoria Histórica, centrará a atención na súa conferencia no “Resgate da memoria histórica das mulleres republicanas e da súa presenza na resistencia antifranquista. Experiencia e balance”.

En horario de tarde Manuel Monge, investigador, sociólogo e expresidente da CRMH’AC, porá o foco na “Simboloxía franquista nas rúas e as distincións institucionais. Unha materia pendente”.

Após cada unha das conferencias haberá unha posta en común, para establecer un diálogo sobre cada tema entre todas e todos os presentes.

Presentación libro-disco

O cantautor e profesor universitario Xosé Constenla presentará o seu libro-disco “Para nunca esquecer”, interpretando dúas pezas do mesmo no marco do devandito encontro.

Mesa arredor da sociedade civil e a memoria histórica

Após a intervención musical abrirase o bloque “Asociacionismo e memoria histórica no último cuarto de século. Experiencias e balance”. No marco do cal Carlos Díaz, profesor de ensino secundario e investigador da Cátedra de Memoria Histórica, presentará o estudo de caso e as principais conclusións da súa tese de doutoramento sobre a devandita materia, e a seguir representantes de Asociacións, Comités, Comisións e Fundacións, centrais no traballo de recuperación de memoria histórica do país , presentarán a súa experiencia ao longo do último cuarto de século, dividíndose estas en tres mesas.

Programa completo do Coloquio Anual » 2025

Memoria de actividades 2018-2023 e novo libro sobre a Transición

20 de decembro

Desde a Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña vénse de publicar a memoria de actividades, realizadas entre o ano 2028 e o 2023. Os cinco primeiros anos de vida da Cátedra, e nos que malia a pandemia seguiron a se desenvolver as actividades da mesma. A memoria recolle imaxes de todas e cada unha das actividades desenvolvidas e fica acompañada dun breve audiovisual, a través do que achegarse ás actividades realizadas por Cátedra no devandito período.

Así mesmo, a Cátedra de Memoria Histórica vén de publicar o libro “Transición”, que recolle as comunicacións que foron defendidas no marco do III Congreso “As outras protagonistas da Transición”. En breve realizaranse presentacións dunha e outra publicación, que contaron coa colaboración do Concello da Coruña.

Documentario “A Coruña republicana”

16 de decembro de 2024

Desde a Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña finalizouse o traballo de produción do documentario “A Coruña Republicana”. Un audiovisual que arranca no limiar da proclamación da II República o 14 de abril de 1931 e que realiza, a modo de retrospectiva, unha viaxe desde o último terzo do s. XIX, e o xermolar da I República por volta de febreiro de 1873, até a primavera de 1931, pasando pola ditadura de Miguel Primo de Rivera e a “Dictablanda” de Dámaso Berenguer.

O documentario pon en valor a tradición liberal progresista e republicana federal da Coruña; presentando a figuras de referencia do republicanismo coruñés e galego, desde Ramón Pérez Costales e Segundo Moreno Barcia, do Partido Republicano Democrático Federal, a Santiago Casares Quiroga e Antón Vilar Ponte, líderes da Organización Republicana Galega Autónoma (ORGA), pasando por Federico Tapia Segade, alcalde da Coruña diante da proclamación da I República, e Antonio Lens Viera, alcalde da Coruña diante da proclamación da II República.

O documentario, que contou co apoio do Concello da Coruña, será seguido doutro, a producir ao longo de 2025, que porá o foco monograficamente na evolución da II República na cidade da Coruña (a nivel político, social, económico e cultural).

Este traballo súmase á edición do libro “Transición”, que recolle as comunicacións que se presentaron ao Congreso sobre a Transición en Galiza, organizado pola Cátedra de Memoria Histórica con anterioridade, e á publicación do catálogo que recolle as actividades realizadas pola Cátedra entre o 2018 e o 2023.

A seguir pódese visualizar o tráiler do documentario “A Coruña Republicana”, que será presentado en breve na sede da Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña: