A Cátedra de Memoria Histórica organiza un seminario sobre fontes documentais

8 de agosto. Entre o 24 e o 27 de agosto (en horario de mañá e tarde), a Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña desenvolverá un seminario sobre fontes para a recuperación da memoria histórica. O seminario estará a cargo do historiador e documentalista Eliseo Fernández, autor de numerosas obras sobre a II República, a represión e ditadura franquista, así como sobre a Guerrilla antifranquista e a historia do anarquismo na Galiza.

O seminario, que conta co patrocinio do Concello da Coruña, celebrarase no Centro Universitario de Riazor (CUR), no que a Cátedra de Memoria Histórica ten a súa sede. As prazas fican limitadas a vinte persoas. Para máis información e inscricións no devandito seminario, as persoas interesadas poden enviar un correo a: catedra.memoria.historica@udc.gal ou secretaria@catedramemoriahistorica-udc.gal.

O Congreso ‘As outras protagonistas da Transición’ desenvolverase o 30 de setembro e o 1 de outubro.

25 de xullo de 2022.-Desde a Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña anúnciase que o III Congreso As outras protagonistas da Transición se desenvolverá entre o venres 30 de setembro e o sábado 1 de outubro, no Centro Universitario de Riazor (CUR), co patrocinio do Concello da Coruña.

O devandito congreso está patrocinado polo Concello da Coruña e centrará a súa atención na realidade da Galiza na Transición. O programa deste III Congreso “As outras protagonistas da Transición” articularase a partir de seis mesas, intituladas “Transición e os partidos políticos na Galiza”; “Movementos sociais na Galiza do tardofranquismo e a Transición fronte ao franquismo: Asociacionismo cultural, Feminismo e Ecoloxismo”; “Sindicalismo agrario e obreiro na Galiza da Transición”; “Lingua, creación literaria e música na Galiza da Transición”; “O mundo editorial e a prensa na Galiza da Transición” e “O Tribunal de Orde Pública (TOP), o conflito carcelario e as medidas penitenciarias de excepción na Transición”, das que participarán catorce ponentes.

Xunto ás ponencias, presentaranse vinte comunicacións da autoría de investigadores e investigadoras de varios puntos do Estado español, así como de Universidades de fóra de Europa.

A Cátedra de Memoria Histórica está ultimando preparativos para dar lugar ao Congreso sobre Galiza na Transición.

20 de xullo.-Desde a Cátedra de Memoria Histórica estase traballando intensamnete para que a inicios do vindeiro curso se desenvolva na Coruña o III Congreso As outras protagonistas da Transición, que centrará a súa atención desta volta na realidade da Galiza na Transición. O congreso estaba previsto desenvolvelo no inverno de 2020-2021, mais a pandemia obrigou a postpoñer o encontro. Estase a pechar o programa, que se articulará a partir de seis mesas, intituladas “Transición e os partidos políticos na Galiza”; “Movementos sociais na Galiza do tardofranquismo e a Transición fronte ao franquismo: Asociacionismo cultural, Feminismo e Ecoloxismo”; “Sindicalismo agrario e obreiro na Galiza da Transición”; “Lingua, creación literaria e música na Galiza da Transición”; “O mundo editorial e a prensa na Galiza da Transición” e “O Tribunal de Orde Pública (TOP), o conflito carcelario e as medidas penitenciarias de excepción na Transición”.

Aliás, unha vez pechado o prazo de recepción de comunicacións, recibíronse vinte propostas de investigadores e investigadoras de varios puntos do Estado español, así como de Universidades de fóra de Europa.

Este encontro prosegue a andaina que se iniciou no ano 2017, coa celebración do primeiro Congreso Las otras protagonistas de la Transición, que se desenvolveu en Madrid; e coa realización en Barcelona no ano 2019 do segundo Congreso Les altres protagonistes de la Transiciò. Pódense consultar as actas de ambos encontros nas seguintes ligazóns:

*Congreso Las otras protagonistas de la transición – Izquierda radical y movilizaciones sociales. 24-25 Febrero de 2017 (wordpress.com)

*Les altres protagonistes de la transició: movilitzacions socials i esquema radical | Lloc web del II Congrés “Les altres protagonistes de la transició: mobilitzacions socials i esquerra radical”, que se celebrà a Barcelona entre el 10 i el 13 d’octubre de 2019 (wordpress.com)

Seminario-Conferencia “O Estatuto Galego durante a II República”

20 de xuño.-En breve cumpriranse 86 anos do plebiscito do Estatuto de Autonomía galego. Un texto articulado que foi deseñado na Asemblea de Concellos de Galiza Pro-Estatuto de decembro de 1932, no marco da II República, e que o 15 de xullo de 1936 sería entregado ao presidente das Cortes españolas. O golpe militar de 1936 impediría que tomase estado parlamentar o Estatuto de Autonomía galego e tería que ser debatido nas Cortes españolas no exilio, concretamente en México no ano 1945.

O historiador Prudencio Viveiro Mogo dará lugar a un seminario-conferencia no que se centrará no proceso que atravesou o Estatuto de Autonomía entre a Asemblea de Concellos de 1932 e o plebiscito de 1936, encontro organizado pola Cátedra de Memoria Histórica e patrocinada polo Concello da Coruña, que se desenvolverá o vindeiro 24 de xuño ás 16:30h no Centro Universitario de Riazor.

Seminario/Presentación do libro “Os anos do silencio. Represión e resistencia na provincia de Pontevedra (1936-1951)”.

17 de xuño de 2022.-A Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña celebra hoxe un novo seminario, no que se presentará o libro Os anos do silencio. Represión e resistencia na provincia de Pontevedra (1936-1951), obra do investigador Xosé Álvarez e publicada por Edicións Xerais. Un volume no que se achega con minuciosidade as diversas dinámicas represivas que a ditadura franquista efectivizou desde 1936 até inicios da década dos 50 do pasado século, poñendo en valor a resistencia democrática fronte ao totalitarismo franquista no mesmo período. Nesta obra o autor amplía o seu anterior magnífico volume intitulado Pontevedra nos anos do medo: Golpe militar e represión (1936-1939), editado tamén por Xerais.

O acto, que conta co patrocinio do Concello da Coruña e que se celebrará na sede da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (R/Olmos 16-18), contará coa presenza de Xosé Álvarez e de Uxío-Breogán Diéguez, director da Cátedra de Memoria Histórica.

Exitosa conmemoriación no Campus de Ferrol do 50 aniversario do 10 de marzo.

10 de marzo de 2022.-A Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Civil e a Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña, coa colaboración da Asociación Memoria Histórica Democrática e a Asociación Cultural Fuco Buxán, conmemoraron o 50 aniversario das mobiliacións obreiras capitaneadas polos obreiros da Factoría Bazán no mes de marzo de 1972, nomeadamente o 10 de marzo daquel ano.

Tal e como estaba anunciado, e diante de numeroso público que se congregou na Facultade de Ciencias do Traballo do Campus de Ferrol, interviñeron no acto María Jesús Movilla Fernández, Vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Civil; Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, Director da Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña; xunto aos historiadores Eliseo Fernández; José Gómez Alén; e Bernardo Máiz; así como a Rafael Pillado Lista; Sari Alabau Albors e Alfonso Tellado Sande, que viviron de primeira man os devanditos sucesos a partir das súas responsabilidades sindicais en plena clandestinidade franquista. O balance que se fai desde a organización do acto é moi positiva, dado o elevado número de persoas que asistiron ao mesmo, que encheu o salón de actos da Facultade de Ciencias do Traballo e mesmo os pasillos de acceso ao mesmo.

Imaxe do inicio do acto na Facultade de Ciencias do Traballo

A Vicerreitoría do Campus de Ferrol e a Cátedra de Memoria Histórica celebran o 50 aniversario do 10 de marzo de 1972.

6 de marzo de 2022.-A Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Civil e a Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña estiveron a traballar nos últimos meses, coa colaboración da Asociación Memoria Histórica Democrática e a Asociación Cultural Fuco Buxán, para conmemorar o 50 aniversario das mobiliacións obreiras capitaneadas polos obreiros da Factoría Bazán no mes de marzo de 1972. Mobilizacións que serían reprimidas brutalmente pola ditadura franquista, dando lugar o 10 de marzo daquel ano ao asasinato dos operarios Amador Rey e Daniel Niebla, así como a centos de obreiros feridos graves (parte deles feridos de bala…).

No acto intervirán María Jesús Movilla Fernández, Vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Civil; Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, Director da Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña; xunto aos historiadores Eliseo Fernández; José Gómez Alén; e Bernardo Máiz; así como a Rafael Pillado Lista; Sari Alabau Albors e Alfonso Tellado Sande, que viviron de primeira man os devanditos sucesos a partir das súas responsabilidades sindicais en plena clandestinidade franquista.

Seminario “Voces da Transición en Galicia”.

12 de outubro de 2021.-Desde a Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña convócase o seminario “Voces da Transición en Galicia. Feminismo, asociacionismo e ecoloxismo” na Facultade de Socioloxía. O encontro está coordinado pola profesora Monserrat Golías Pérez e se realizará en formato telemático, a través de Teams dadas as restriccións sanitarias existentes.

A Cátedra de Memoria Histórica da UDC e o Concello da Coruña abre no CUR o Punto de Atención ás Vítimas do Franquismo e aos seus Familiares

A Coruña, 8 de xuño de 2021.- Ao abeiro do convenio asinado entre a Universidade da Coruña e o Concello da Coruña en relación á Cátedra de Memoria Histórica da UDC e o Concello da Coruña, inaugurouse esta mañá o Punto de Atención ás Vítimas do Franquismo e aos seus Familiares (PAVF). No acto estiveron presentes Julio Abalde, reitor da UDC, Jesús Celemín, concelleiro de Educación e Memoria Histórica do Concello da Coruña, Carlos Aymerich, secretario xeral, e Uxío-Breogán Diéguez, director da Cátedra.

O PAVF estará ubicado na sede da Cátedra de Memoria Histórica da UDC, no propio Centro Universitario de Riazor (CUR). Ficará atendido polo persoal da devandita Cátedra, equipo formado en materia histórica, xurídica, sociolóxica e criminolóxica (contando tamén con colaboradores especializados en psicoloxía e medicina forense), enfocando o seu labor cara as vítimas do franquismo e aos seus familiares.

Por mor do actual contexto sanitario derivado da COVID-19, as persoas interesadas en achegarse ao PAVF terán que concertar cita previa a través do correo electrónico pavf@catedramemoriahistorica-udc.gal.

Esta iniciativa súmase a outras nas que está a traballar a Cátedra de Memoria Histórica da UDC, entre as que destaca o informe xurídico sobre a Casa Cornide ou a organización da exposición “Galiza Mártir. Da queda do tempo republicano ao exilio”, que está a itinerar por Galicia despois de ter estado entre decembro de 2020 e maio de 2021 no Espazo Normal da UDC.

Fonte orixinal: Gabinete de Comunicación da UDC

A Cátedra de Memoria Histórica organiza un novo encontro de investigadores e investigadoras.

1 de Xuño de 2021.-As investigadoras e investigadores da Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña reuniranse o vindeiro 28 de xuño para intercambiar impresións referidas aos avances que están a realizar nos seus traballos de pesquisa. O encontro se realizará no Centro Universitario de Riazor. Este é xa o segundo encontro presencial que se realiza, para alén dos encontros telemáticos que se teñen organizado até o momento; o anterior encontro presencial realizarase na Casa Museo Casares Quiroga, coa colaboración do Concello da Coruña.

Primeiro encontro presencial da equipa de investigación da Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña, na Casa Museo Casares Quiroga realizada en xuño 2020; coa presentación dos libros de Aurora Marco Irmandiñas (Laiovento, 2020) e Foula e Ronsel. Os anos que marcaron a biografía de Carvalho Calero (1910-1941) (Laiovento, 2020).