25 de xullo de 2022.-Desde a Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña anúnciase que o III Congreso As outras protagonistas da Transición se desenvolverá entre o venres 30 de setembro e o sábado 1 de outubro, no Centro Universitario de Riazor (CUR), co patrocinio do Concello da Coruña.
O devandito congreso está patrocinado polo Concello da Coruña e centrará a súa atención na realidade da Galiza na Transición. O programa deste III Congreso “As outras protagonistas da Transición” articularase a partir de seis mesas, intituladas “Transición e os partidos políticos na Galiza”; “Movementos sociais na Galiza do tardofranquismo e a Transición fronte ao franquismo: Asociacionismo cultural, Feminismo e Ecoloxismo”; “Sindicalismo agrario e obreiro na Galiza da Transición”; “Lingua, creación literaria e música na Galiza da Transición”; “O mundo editorial e a prensa na Galiza da Transición” e “O Tribunal de Orde Pública (TOP), o conflito carcelario e as medidas penitenciarias de excepción na Transición”, das que participarán catorce ponentes.
Xunto ás ponencias, presentaranse vinte comunicacións da autoría de investigadores e investigadoras de varios puntos do Estado español, así como de Universidades de fóra de Europa.
