O Comité de Memoria Histórica da comarca de Celanova desenvolve unhas xornadas, entre o 15 e o 29 de novembro, centradas no proceso de transición da ditadura franquista á democracia parlamentar. No marco destas xornadas os investigadores Adela Figueroa Panisse e Francisco X. Redondo Abal presentarán o libro colectivo “A Transición en Galiza” (Laiovento, 2023), no que son autores de senllos capítulos.

O volume foi impulsado desde a Cátedra de Memoria Histórica da UDC, baixo a coordinación e coautoría do director da mesma, Uxío-Breogán Diéguez, participando da obra tamén Justo Beramendi; Carlos Velasco; Bernardo Máiz; Daniel Lanero; Carlos Callón; Roberto Samartim; Montse Pena; Xan Fraga; Ricardo Gurriarán; Mariám Mariño e Marcos S. Pena, e contou coa axuda do Concello da Coruña.