17 de xuño de 2022.-A Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña celebra hoxe un novo seminario, no que se presentará o libro Os anos do silencio. Represión e resistencia na provincia de Pontevedra (1936-1951), obra do investigador Xosé Álvarez e publicada por Edicións Xerais. Un volume no que se achega con minuciosidade as diversas dinámicas represivas que a ditadura franquista efectivizou desde 1936 até inicios da década dos 50 do pasado século, poñendo en valor a resistencia democrática fronte ao totalitarismo franquista no mesmo período. Nesta obra o autor amplía o seu anterior magnífico volume intitulado Pontevedra nos anos do medo: Golpe militar e represión (1936-1939), editado tamén por Xerais.
O acto, que conta co patrocinio do Concello da Coruña e que se celebrará na sede da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (R/Olmos 16-18), contará coa presenza de Xosé Álvarez e de Uxío-Breogán Diéguez, director da Cátedra de Memoria Histórica.