22 de novembro de 2023

A Asociación Cultura Aberta de Carral celebrará o vindeiro 25 de novembro e o 2 de decembro as súas XVI Xornadas de Recuperación da Memoria Histórica.

O primeiro día intervirá Aurora Marco, veterana investigadora en materia de recuperación de memoria histórica e da historia das mulleres, integrante da Cátedra de Memoria Histórica, presentando o libro Carmiña Sierra. A primeira muller do Seminario de Estudos Galegos. O segundo día intervirá Uxío-Breogán Diéguez, director da Cátedra, presentando o libro colectivo A Transición en Galiza, do que é coautor e coordinador.

En ambas datas reflexionarase sobre o tema central dos libros que se han presentar, nomeadamente da significación do Seminario de Estudos Galegos diante do seu centenario, e do que significou a transición da ditadura franquista á monarquía parlamentaria, e o deseño do sistema autonómico, para Galiza e para o conxunto do Estado.