A Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña publicou até o momento varios libros. No primeiro ano de constitución da Cátedra publicáronse, coa colaboración do Concello da Coruña, os libros Represión franquista e memoria histórica alén e aquén mar : pasado e presente (2018) e Memoria histórica e cidadanía democrática : unha ollada desde a historia, a didáctica das CC.SS. e do dereito penal (2018), ambos son volumes colectivos e derivados de seminarios desenvolvidos na Universidade da Coruña. No 2022 publicouse o libro A Transición en Galiza, onde a partir de 14 capítulos se repasa e analiza con detalle a situación de Galiza diante daquel proceso; e no 2024 o libro Transición, no que ao longo de 12 capítulos se analizan diferentes aspectos enmarcados no devandito proceso a escala do Estado español, contando ambos volumes coa axuda do Concello da Coruña.



Así mesmo, desde a Cátedra de Memoria Histórica realízanse informes de distintas natureza, destacando os de carácter histórico e os de carácter xurídico. Entre estes últimos, destaca o que se realizou a solicitude do Concello da Coruña sobre a situación xurídica da Casa Cornide, edificio singular do s.XVIII sito no casco histórico coruñés que pasou a ser propiedade da familia do ditador Francisco Franco. O informe intitulado Informe xurídico sobre as vías de recuperación da Casa Cornide para o patrimonio público foi da autoría do profesor doutor Carlos Aymerich Cano, do catedrático José Manuel Busto Lago e do catedrático Carlos Amoedo Souto, sendo entregado ao Concello da Coruña en decembro de 2020.
