20 de xuño.-En breve cumpriranse 86 anos do plebiscito do Estatuto de Autonomía galego. Un texto articulado que foi deseñado na Asemblea de Concellos de Galiza Pro-Estatuto de decembro de 1932, no marco da II República, e que o 15 de xullo de 1936 sería entregado ao presidente das Cortes españolas. O golpe militar de 1936 impediría que tomase estado parlamentar o Estatuto de Autonomía galego e tería que ser debatido nas Cortes españolas no exilio, concretamente en México no ano 1945.
O historiador Prudencio Viveiro Mogo dará lugar a un seminario-conferencia no que se centrará no proceso que atravesou o Estatuto de Autonomía entre a Asemblea de Concellos de 1932 e o plebiscito de 1936, encontro organizado pola Cátedra de Memoria Histórica e patrocinada polo Concello da Coruña, que se desenvolverá o vindeiro 24 de xuño ás 16:30h no Centro Universitario de Riazor.