A Cátedra

Cátedra de Memoria Histórica da UDC

A Cátedra de Memoria Histórica da UDC

No mes de xuño de 2017 a Universidade da Coruña desenvolvía o III Curso de Verán ‘Ciencias Sociais, Educación e Sociedade’, após unha primeira edición no 2012 e outra no 2015, centrado nesta ocasión no tema “Memoria Histórica e Cidadanía Democrática”, dirixido polo profesor Uxío-Breogán Diéguez Cequiel. No mes de novembro, o paraninfo da Universidade da Coruña acollía a primeira edición das xornadas “Memoria e Democracia” organizadas polo Concello da Coruña. No verán de 2018, froito de sinerxías partilladas entre a Universidade da Coruña e o Concello da Coruña, ambas institucións anunciaban a inminente creación da Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña, anuncio feito no marco dun novo curso de verán realizado na Aula Náutica da Universidade da Coruña seguindo o devandito ciclo. A Cátedra de Memoria Histórica foi oficialmente creada no outono de 2018, comezando a vertebrarse desde inicios de 2019. Até o momento, e malia a pandemia, desde a Cátedra de Memoria Histórica publicáronse dous libros, desenvolvéronse varios seminarios e xornadas, inauguráronse dúas exposicións e organizouse un congreso sobre a Transición, impulsándose xunto ao patrocinio do Concello da Coruña o Punto de Atención ás Vítmas do Franquismo e aos seus Familiares (PAVF).

Equipa

A equipa humana que integra a Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña foi modelándose desde o outono de 2018 até o outono de 2020. Malia o complexo contexto de pandemia no que houbo que traballar, ficou conformado un grupo de investigación estábel, que destaca pola súa formación e produción científica en materia de historia política, social e de xénero, así como en materia de memoria histórica. Unha equipa que no tempo de pandemia deu lugar a diversas actividades, destacando a exposición “Galiza Mártir. Da queda republicana ao exilio”, inaugurada no Espazo Normal en decembro de 2020; o seminario “Voces da Transición. Feminismo/Asociacionismo/Ecoloxismo”, que se realizou na Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña no outono de 2021; ou a exposición Galiza na Transición”, inaugurada en decembro de 2021.

////////////////////

/////////

///////

Dentro das distintas liñas de actuación da Cátedra de Memoria Histórica, destaca o labor desenvolvido á fronte do Punto de Atención ás Vítimas do Franquismo e aos seus Familiares (PAVF). Iniciativa que existe grazas ás sinerxias compartidas entre a Universidade da Coruña e o Concello da Coruña, e que procura dar asistencia e asesoramento a vítimas da ditadura franquista -de calquera etapa desta, entre 1936 e finais da década dos anos 70 do pasado século- en diversas materias, así como resgatar fonte oral referida á devandita represión, quer a través de testemuños en primeira persoa, quer a através de testemuños de familiares de vítimas.

//////

Punto de Atención ás Vítimas do Franquismo e aos seus Familiares (PAVF)

Un punto de encontro, de xustiza e de procura de reparación.