Entre o 30 de setembro e o 1 de outubro do ano 2022, desenvolveuse no Centro Universitario de Riazor (CUR) o III Congreso “As Outras Protagonistas da Transición”, organizado pola Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña (UDC).
Con este congreso púxose en valor aqueles movementos e proxectos colectivos que encararon a ditadura franquista desde Galiza en favor da democracia, realidade sen a que o proceso de transición do franquismo cara á democracia non tería sido posíbel (cando menos tal e como foi, malia as continuidades que seguíu proxectando a realidade ditatorial após 1975…). Un encontro científico no que se reflexionou sobre os diferentes sectores que loitaron pola democracia e as diferentes alternativas que se teorizaron fronte á ditadura, desde finais da década dos 60, e sobre todo na década dos 70. Tendo presente os partidos políticos e os movementos sociais de diversa natureza que operaron naquela altura (desde a loita obreira, ao feminismo, pasando polo ecoloxismo ou a loita cultural); así como as posicións favorábeis a unha transición tranquila entre a ditadura e a democracia, até aquelas propostas e posicións que apostaron por unha ‘ruptura democrática’ entendendo que non era posíbel esa transición tranquila entre unha e outra realidade.
O programa do III Congreso As outras protagonistas da Transición desenvolveuse a partir de seis mesas, intituladas “A Transición e os partidos políticos na Galiza”; “Movementos sociais na Galiza do tardofranquismo e da Transición fronte ao franquismo: Asociacionismo cultural, Feminismo e Ecoloxismo”; “Sindicalismo agrario e obreiro na Galiza da Transición”; “Lingua, creación literaria e música na Galiza da Transición”; “O mundo editorial e a prensa na Galiza da Transición” e “O Tribunal de Orde Pública (TOP), o conflito carcelario e as medidas penitenciarias de excepción na Transición”, das que participaron catorce ponentes.
Xunto ás ponencias, presentáronse vinte comunicacións da autoría de investigadores e investigadoras de varios puntos do Estado español, así como de Universidades de fóra de Europa. Así mesmo, habilitouse media hora entre bloques temáticos para desenvolver coloquios, nos que participaron persoas que asistiron ao encontro, para alén das e dos ponentes, presentando testemuños, análise e interpretacións das realidades expostas (e vividas).