Desde a Cátedra de Memoria Histórica da UDC, organizamos a presentación e proxección na Coruña do documentario “Sempre en Galicia. Voz e pensamento galeguista na emigración”.

Un filme de Xan Leira, director do proxecto Memoria Documental de Galicia, que aborda o histórico programa radiofónico emitido desde Montevideo (Uruguai), da man do Padroado da Cultura Galega daquela cidade, desde o ano 1950. Ano aquel no que viña de falecer Afonso Daniel Rodríguez Castelao, do que, na súa homenaxe, se tomou o nome do programa, a partir do libro Sempre en Galiza (1944).

O acto celebrarase o luns 23 de marzo, ás 20h, en colaboración coa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, na sede desta entidade, na rúa San Andrés nº36 1º (Edf. do Circo de Artesáns).

Ao final da proxección realizarase unha posta en común sobre o devandito programa radiofónico e o activismo do Padroado da Cultura Galega de Montevideo (Uruguai).