8 de marzo de 2023.

O vindeiro 13 de marzo principiarán no Salón de Actos da Faculdade de Ciencias da Educación a iniciativa “ABRÁIATE! ÁLBUM. Unha xornada sobre libro álbum e mediación”, cuxa organización corre a cargo de Iria Sobrino, Montserrat Muriano, Patricia Carballal e Sonia Hermida. A Cátedra de Memoria Histórica apoia esta xornada, colaborando coa conferencia que impartirá Raquel López baixo o título “Fondo de armario. Unha selección de básicos para desafiar as modas”.


En relación a esta conferencia, desde a organización da xornada indican que hai “algúns álbums ilustrados que non son novidades. Que veñen de lonxe e que
paga a pena ter sempre á man porque os seus personaxes son inesquecíbeis; os
seus finais, sorprendentes; a relación do texto e a ilustración, incríbel; e as súas
historias engaiólannos. Facemos un repaso por algúns destes álbums para analizar
que os converte en lecturas case imprescindíbeis. Faremos unha mención especial
a algúns títulos que son un excelente recurso para abordar o tema da Memoria
Histórica coa infancia e a adolescencia
“.
Desde a Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña desexamos que sexa un grande éxito esta xornada no seu conxunto.